Moreira adxudícase a etapa raíña e reforza o seu liderado na Volta a Valencia

Xornada de ilusión para o Vigo-Rías Baixas na Volta a Valencia. Mauricio Moreira venceu vestido de amarelo na cima do Alto do Remedio, poñendo a guinda ao extraordinario traballo realizado por todos os compoñentes da estrutura presidida por José Luis Chamorro. A falta dunha etapa, o uruguaio encabeza a xeral con 39 segundos de vantaxe.

O xefe de filas do conxunto flúor foi o máis forte do cuarteto que quedou na cabeza na ascensión final a un porto de 1ª categoría con ramplas do 14% de desnivel. O charrúa resistiu a todos os ataques e impuxo a súa potencia nos metros finais. Exhibición individual e colectiva, porque antes de que Moreira demostrase a súa condición de ex profesional, os seus compañeiros baleiráronse á fronte do pelotón para salvar unha complicada situación de carreira.

Tal e como estaba previsto, houbo batalla desde o inicio en Benageger dos 143 quilómetros da etapa raíña desta rolda. Unha fuga de once corredores fixo camiño nun percorrido que presentaba tres subidas puntuables como aperitivo ao último porto. A escapada chegou a manexar unha diferenza de 3 minutos, arrebatando virtualmente o xersei de líder a Moreira.

As substitucións de Joan Nicolau, Asier González, Guillermo Mallo e Noel Martín á fronte do pelotón permitiron que a distancia se empezase a reducir na segunda metade da etapa. Os pupilos de Marcos Serrano conseguiron presentarse coa carreira controlada ao pé do Alto de Remedio, onde Moreira contou con Víctor Etxeberria como gregario de luxo. Neutralizada a fuga, o escalador navarro marcou o ritmo ao líder ata que o uruguaio marchouse xunto a Fernando Tercero (Kometa) Javier Romo (Baqué) e Raúl García (Lizarte).

Segundo nas dúas anteriores xornadas, Moreira por fin atopou a vitoria parcial superando en 2’’ aos outros tres integrantes do cuarteto. Este triunfo, ademais, outórgalle matematicamente a camisola verde da Regularidade.

Na xeral, o charrúa amplía a súa vantaxe a 39’’ respecto ao ruso Lev Gonov (Lokophinx) e a terceira praza corresponde a Raúl García, a 46’’ do primeiro clasificado. A décima edición da Volta concluirá este domingo cunha etapa de 122 km chamada a resolverse ao sprint en Moncada.