O PP de Baiona critica que se cancelen os festivais gratuítos pero se manteña o Barbeira Season Fest

O PP de Baiona tacha de “contraditorio” que o goberno local haxa decidido non realizar practicamente ningún evento cultural e social gratuíto ao longo do verán como método de prevención para evitar contaxios e a próxima fin de semana autorice e colabore co Barbeira Season Fest, un festival organizado por unha empresa privada e cuxa entrada supón un custo importante para os asistentes. Para o grupo municipal popular “unha dobre vara de medir” a do tripartito que resulta “pouco entendible” para os veciños.

Os populares lamentan que citas tan consolidadas como o Frades Sunset Festival, organizado desde o seu inicio polo Concello en colaboración con ACEBA e que este 2020 cumprise a súa novena edición, fosen descartadas completamente pola Concellería de Cultura mentres se abría a porta a iniciativas privadas con ánimo de lucro. Concentracións nas que, con todo, o goberno local non ve risco algún a pesar de que a previsión é que reúna a centenares de persoas na península de Santa Marta. O mesmo ocorre con outras actividades culturais e relixiosas moi arraigadas entre os veciños como a romaría da Virxe da Rocha e as festas da Anunciada, entre outras.

Tendo en conta a celebración do festival a próxima fin de semana, no PP están convencidos de que o perigo de contaxio simplemente era unha “escusa” e que desafortunadamente o Covid-19 serviu ao tripartito para xustificar as súas “escasas ganas de traballar” e a súa “falta de organización e coordinación” como evidencian a diario no resto de áreas e servizos municipais. “Non teñen orzamentos, nin plan de reactivación tras seis meses e tampouco se preocuparon por buscar alternativas que permitisen realizar os eventos gratuítos máis importantes do Concello, sempre cumprindo coa normativa vixente no momento, como si ocorreu noutros concellos da provincia que sen poñer en risco aos seus veciños non lles privaron do calendario cultural”, reprochan.