Moreira termina segundo e rabuña tempo no arranque da Volta a Valencia

Non lle bastou para gañar a etapa, pero a potencia de Mauricio Moreira permítelle alimentar a súa ambición na Volta a Valencia. O xefe de filas do Vigo-Rías Baixas terminou segundo este xoves na apertura da rolda mediterránea grazas a un ataque final co que conseguiu rabuñar tempo ao resto de favoritos excepto ao vencedor da xornada Álex Martín (Kometa). A estrutura presidida por José Luis Chamorro tamén asinou a segunda praza na clasificación por equipos.

O uruguaio do conxunto flúor moveuse na subida final non puntuable na que concluíron os 129 quilómetros entre Valencia e Yatova. O cambio de ritmo de Moreira non foi suficiente para dar caza a Martín, que iniciara a súa aventura en solitario a falta de 40 km para a liña de meta e que afrontou o último cinco con 40 segundos de vantaxe. O ciclista do Kometa resistiu ante a ameaza do charrúa e impúxose con 9” de marxe.

Tras un trazado rompepernas, con seis portos de 3ª categoría, ninguén puido responder no pelotón á aceleración de Moreira, que logrou un botín de 8” respecto a Josué Gómez (Tres Anclas), de 11” sobre Pablo Alonso (Gomur) e distanciouse en 13” dos 35 compoñentes do grupo principal, entre os que estiveron os seus compañeiros de equipo Víctor Etxeberria e Noel Martín.

Grazas a este resultado, Moreira será este venres o penúltimo corredor en tomar a saída na contrarreloxo de 20,8 km que se disputará en Llíria. O actual segundo clasificado no clasificación Elite estatal xa demostrou este verán a súa calidade nesta disciplina, anotándose a vitoria no prólogo da Volta a Zamora.

Quen salga líder da crono terá que defender a camisola amarela na etapa raíña do sábado, con final no alto do Remedio de Chelva. A Volta pecharase o domingo cunha xornada chamada a resolverse ao sprint.