A Xunta prorroga o Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo durante o ano 2021

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión de hoxe a prórroga do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Vigo para o ano 2021, cun investimento autonómico de preto de 1,5 millóns de euros.

Segundo este acordo, o Goberno galego achegará máis de 1,2 millóns de euros que permitirán financiar o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificacións adicionais para usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.

Os 12 concellos que integran a Área de transporte metropolitano de Vigo achegarán no seu conxunto preto de 266.000 euros.

Con este acordo garántese a continuidade, un ano máis, deste plan social que supón importantes aforros económicos para os usuarios e segue a senda do fomento do transporte público por parte do Goberno galego.

O Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo rexistrou o pasado ano máis de 3,25 millóns de viaxes na comarca. En canto á modalidade de transporte, cómpre destacar que o 32% dos desprazamentos seguen a corresponder coas navieiras e o 68% co autobús.

Coa súa achega, a Xunta financia ademais o 15% de desconto adicional que se aplica aos usuarios recorrentes e a membros de familias numerosas, neste caso, de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

A Área de Transporte Metropolitano de Vigo está integrada por un total de 12 concellos: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia está a funcionar en cinco áreas de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) con 65 concellos incorporados.

Estes beneficios do Plan de transporte metropolitano estanse a estender de forma progresiva a todas as liñas interurbanas de autobús de Galicia, coa implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, do que xa se benefician desde este ano 13 concellos da área de Pontevedra e tamén os da provincia de Ourense.

Tarxeta Xente Nova

Adicionalmente, e no marco do Plan de transporte metropolitano e da súa extensión progresiva ás liñas interurbanas de Galicia, máis de 70.200 mozos menores de 21 anos viaxan xa gratis no autobús interurbano grazas á Tarxeta Xente Nova.

En concreto, na área de transporte metropolitano de Vigo distribuíronse máis de 16.200 dispositivos desde a súa posta en marcha.

A tarxeta Xente Nova é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. O pasado 1 de xaneiro ampliouse a cobertura da tarxeta ata os menores de 21 anos e, desde o pasado mes de xuño dispoñen tamén deste dispositivo a 13 concellos da área de Pontevedra e tamén na provincia de Ourense.

Con este programa búscase facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

Plan de Transporte Público de Galicia

Esta primeira fase da ampliación territorial no transporte público dependente da Xunta, forma parte da renovación integral das liñas de transporte público interurbano de Galicia, que se desenvolverá de forma progresiva ata acadar o conxunto da comunidade.

A posta en marcha do Plan de Transporte Público en Galicia, no que a Xunta vai investir máis de 70 millóns de euros ao ano para o seu mantemento, inclúe máis paradas e máis servizos e tamén supón aplicar unha tarifa homoxénea en toda Galicia. É dicir o custo do percorrido por quilómetro será igual en toda Galicia, de aí que as tarifas varíen segundo o número de quilómetros dos traxectos.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo de ofrecerlle aos cidadáns uns sistema de transporte público máis útil e atractivo, a través desta iniciativa deseñada para achegar grandes vantaxes sociais a todo o territorio, especialmente ao rural, onde a poboación se poderá beneficiar de importantes medidas sociais.