“O goberno local de Baiona nega apoio económico aos veciños e non crea un plan de reactivación”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ángel Rodal.

O PP de Baiona considera unha “desvergoña” que o goberno local de Baiona (composto por PSdeG, BNG e Nós) negue axuda aos veciños que solicitan colaboración para afrontar esta nova normalidade provocada pola pandemia e que tampouco poña en marcha a reactivación económica cando acumula partidas que suman ao redor de 300.000 euros de actividades deportivas e culturais que non puido desenvolver ao longo do verán polo Covid-19. Os populares teñen constancia de que o tripartito rexeitou o apoio a diversos colectivos sociais, que recorreron ao Concello demandando cooperación, alegando este falta de fondos. “Os veciños de Baiona deben de saber que o Alcalde e os seus socios de goberno están a faltarlles á verdade”, acusan desde o PP.

Precisamente, a agrupación popular preguntou no pleno ordinario desta semana ao rexedor socialista, Carlos Gómez, por esta cuestión, ao que o máximo responsable do Concello non soubo contestar e alegou que aínda non sumaran as partidas non gastadas nestas áreas. “Un Alcalde ten que saber como está a economía dun concello e, especialmente nun momento como este, coñecer canto ten e como pode colaborar coas demandas dos seus veciños. É máis, debería anticiparse”, indican os populares. Polas súas características, Baiona é un dos municipios con máis programación cultural e deportiva durante os meses de verán e por mor da pandemia non puideron celebrarse practicamente ningunha das actividades, polo que a “lóxica” di que as partidas reservadas para estes fins permanecen sen gastar e suman ao redor de 300.000 euros.

Ademais, é “importante” que saiban os baioneses que este diñeiro acumulado incluído nas partidas destinadas ás áreas de Cultura e Deporte pode utilizarse por ser partida vinculada con fins educativos como é a posta a piques dos centros escolares que garanta un curso seguro. “O custo da limpeza e desinfección non alcanza os 100.000 euros, 150.000 cos edificios municipais, e aínda así quedaríanlle 150.000 euros libres para destinalos ás necesidades dos veciños”.

Para os populares, no pleno desta semana volveu quedar patente a “falta total de xestión” e a “irresponsabilidade” do tripartito cando o portavoz do PP preguntou polo calendario que o goberno local baralla para presentar as contas deste ano e propoñelas para a súa aprobación tendo en conta que o orzamento municipal é o documento máis importante para estruturar a xestión dun Concello, e máis nun momento tan complicado como o actual. “O Alcalde contéstanos que a previsión é aprobar as contas de 2020 en decembro e o concelleiro de Facenda fala das de 2021 cal é a verdade? O único certo é que non hai comunicación nin planificación, pero si moita improvisación que están a pagar e pagarán os baioneses perdendo servizos e dereitos básicos como son, por exemplo, a seguridade ou a limpeza como xa ocorreu nos 15 meses de goberno tripartito”, relatan.