Nigrán desinfecta os accesos aos centros educativos e marquesiñas ante o inicio do curso escolar

O Concello de Nigrán, a través da empresa municipal da limpeza, CESPA, iniciou esta semana os labores de desinfección na contorna dos colexios, coincidindo co inicio do curso escolar, e noutras zonas máis sensibles como as marquesiñas onde os nenos esperan o autobús e son moi concorridas. Estes baldeos véñense desenvolvendo desde o inicio da alarma sanitaria polo COVID 19 pero refórzanse neste momento de tanta incerteza para as familias e comunidade educativa.

Durante os meses de verán, priorizáronse as actuacións nas zonas de maior afluencia de persoas e desde esta semana na contorna dos centros educativos. Estes labores de desinfección pola pandemia enmárcanse no plan especial que o Concello de Nigrán e CESPA pon en marcha de maneira excepcional de fronte ao comezo do curso escolar. Así, o plan contempla, entre outras actuacións, a realización de servizos de varrido así como a desinfección mediante a aplicación de baldeos mecanizados con auga e hipoclorito sódico.

“Dentro do plan especial de limpeza que a empresa municipal acomete todos os anos na contorna dos centros educativos previo ao comezo do curso escolar, nesta ocasión, e dadas as circunstancias, préstase especial atención a estas medidas de desinfección a través do dispositivo especial de baldeo. É unha actuación que, ademais, enmárcase nas medidas que o Concello está a poñer en marcha dentro das súas competencias para a preparación dos colexios de Nigrán”, afirma o alcalde, Juan González.