Unha persoa trasladada tras declararse un incendio nunha vivenda en Baiona

Un incendio declarado este mediodía nunha vivenda no termo municipal pontevedrés de Baiona saldouse cunha persoa trasladada ao centro hospitalario de referencia e diversos danos materiais.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polo particular que chamou ao Centro Integrado de Emerxencias de Galicia, víase fume negro dende o interior dunha casa no lugar da Percibilleira.

De acordo co seu relato, o único ocupante do inmoble estaba fóra da vivenda e atopábase indisposto. Ademais, debido a celeridade coa que se propagaban as lapas, temíase que o incendio puidese afectar ás edificacións lindeiras.

Os feitos sucederon no camiño do Rolan ao fío das 15:00 horas.

A partir de aí, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vigo e do Porriño, dos membros do GES de Val Miñor, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Policía Local e tamén púxose a situación en coñecemento de Protección Civil de Val Miñor.

Unha vez no punto, os equipos de intervención trataron de controlar as lapas e extinguir o incendio. Ademáis, confirmaron ao 112 Galicia que unha persoa tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios e que a cociña da vivenda resultou totalmente calcinada. As demais estancias da vivenda víronse afectadas polo fume.