Nigrán contratará a catro técnicos a través do programa “O teu primeiro emprego”

A Deputación de Pontevedra publica hoxe no BOPPO a relación de concellos seleccionados, entre os que está Nigrán, para participar na contratación de subvencións para a contratación de persoas en prácticas ao amparo das bases do programa de fomento da empregabilidade na provincia “O teu primeiro emprego”. En concreto, e grazas a esta axuda, o Concello de Nigrán solicitará de maneira inmediata á Oficina do Servizo Público de Emprego de Baiona unha listaxe con catro persoas co Ciclo Superior de Administración e Finanzas para diferentes departamentos da administración local.

Estas contratacións laborais están dirixidas a mozos titulados universitarios e de formación profesional de ciclos superiores, sen experiencia previa no campo da súa formación e co fin de poder adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción no mercado laboral. “Como institución pública temos o deber de dar as maiores facilidades á mocidade para atopar o seu primeiro emprego, desde o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con experiencia profesional para facilitarlles a futura inserción ao mercado laboral e, sen dúbida, ao mesmo tempo o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.

Estas catro persoas desenvolverán o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións serán as estipuladas nas bases da convocatoria. Entre os requisitos obrigatorios figuran estar rexistrados como demandante de emprego ou en mellora de emprego, non ter experiencia laboral previa no campo en cuestión e posuír a titulación esixida para o posto. Será o Servizo Público de emprego quen realice unha primeira selección dos candidatos requiridos desde o Concello de Nigrán.