Remata o Baiverán de Baiona con teatro e a música de La Patrulla

Esta fin de semana a Concellería de Cultura do Concello de Baiona pecha a programación do Baiverán 2020.

O venres e o sábado celébrase o microfestival “Brevescénica”, unha aposta polas artes escénicas e o teatro. O venres, na Praza do Pai Fernando e na Rúa Carabela Pinta, ás 19:00 horas, Helen Bertels súbese ao escenario co seu espectáculo “Poemas para llevar”. Dúas horas despois, no hall do Concello e con aforo limitado, Marta Pérez representará “Sofía”. Xa o sábado, a actriz Arantxa Treus representará o seu espectáculo “Sorpresa” nos Xardíns da Casa da Navegación, ás 20:00 horas. Ás 21:00 horas, no hall do Concello e con aforo limitado, é a quenda de Paula Sanmartín con “Desvío I”.

O domingo día 6, no Parque da Palma ás 20:30 horas da noite, terá lugar o último concerto do Baiverán. Para pechar estarán os baioneses La Patrulla. A formación naceu no ano 2015 como grupo de versións de éxitos dos anos 80, 90 e da actualidade.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.