Sin categoría

Nigrán e Baiona participan en “La carrera que nunca para: kilómetros de vida”

Os Concellos de Nigrán e Baiona participan no proxecto de ASOTRAME (Asociación Galega de Trasplantados de Medula) “La carrera que nunca para: kilómetros de vida”. Trátase da I Carrera Online Solidaria, que se poderá realizar entre o 11 e o 27 de setembro. Con este evento preténdese sensibilizar e difundir a importancia da doazón de medula ósea.

“Sensibilizar, concienciar, informar do que significa a doazón de medula ósea é algo máis que unha obrigación das administracións públicas e como cidadáns temos que ser conscientes que un xesto tan sinxelo salva vidas”, declara Juan González, alcalde de Nigrán.

ASOTRAME (Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares), é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que nace no ano 2013 co obxectivo fundamental de mellorar a calidade de vida das persoas trasplantadas de medula ósea, daquelas que se atopan inmersas nun proceso dun cancro hematolóxico, dos seus familiares, e, polo tanto, do conxunto da sociedade. Para conseguir os obxectivos recollidos nos estatutos, desde a entidade poñen en marcha diferentes tipos de proxectos, servizos, e actividades, en función dos obxectivos. Sempre baixo o mesmo denominador común: mellorar a calidade de vida de pacientes e das súas familias.

“La carrera que nunca para: kilómetros de vida” é un proxecto de sensibilización no que participan os concellos de Nigrán, Baiona, Narón, Culleredo, Sigueiro, Moraña, Parada de Sil, Noia e Lugo. A Asociación FRANGIL-700 camisetas contra a leucemia colabora coa organización da carreira nos concellos da provincia de Pontevedra, Nigrán, Baiona e Moraña.

A inscrición é un donativo de 5€ no 1ª roteiro, a partir do 2ª roteiro o donativo será de 2.5€ por roteiro. Co fin de adaptarse aos tempos, este ano crearon un evento virtual, formado por diferentes roteiros. Cada roteiro ten unha distancia de 5 km. A persoa participante pode realizalo, andando, correndo, con ou sen compañía. Sempre de forma segura e respectando as restricións legais con motivo do COVID-19.

O prazo de inscrición comeza o 4 de setembro e ditos roteiros poderanse realizar entre o venres 11 de setembro ata o domingo 27 e con este evento deportivo Asotrame pretende sensibilizar e difundir a importancia da doazón de medula ósea á vez que fomentar os hábitos saudables, apostar por unha vida sa e instaurar nos máis pequenos valores como a superación e o esforzo.

Todo o recadado no evento “La carrera que nunca para: kilómetros de vida” irá destinado aos proxectos de Como na casa: vivenda de estancia temporal para familiares de persoas con diagnóstico oncohematológico ingresadas no CHUS, e ao servizo de Atención Psicosocial: servizo no que se presta atención psicolóxica e social a persoas con cancro hematolóxico e aos seus familiares.

Tamén se pode colaborar a través dun donativo na seguinte conta bancaria. ABANCA- IBAN: ES75 2080 0240 38 3040004920.