Priegue celebra as festas do Bo Xesús da Paciencia

O Concello de Nigrán, en colaboración coa Comisión de Festas de Priegue, organiza diversas actuacións este fin de semana no Torreiro que se encadran na iniciativa municipal “Música nas Parroquias”.

Deste xeito, o sábado 5 ás 20:30 horas terá lugar o contacontos de Raquel Queizás “Somos Iguais”, que pecha así o programa cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero para rachar cos prexuízos e estereotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.

Continuando coa celebración da Festa de Priegue ás 22,00 actuará no Torreiro o grupo miñorano “Trío AZAR” cumprindo todas as indicacións sanitarias COVID19 e con colocación de cadeiras coa separación regulamentada.

O domingo 6, día grande da festa do Bo Xesús da Paciencia, a Banda de Música do Val Miñor tocará no Torreiro algunhas pezas antes da Misa Maior das 12:30, que por primeira vez para evitar calquera risco e para permitir que máis veciños se acheguen a este acto, vai celebrarse ao aire libre no Torreiro e non na Igrexa.

Unha vez rematada a misa a Banda de Música do Val Miñor ofrecerá un concerto, sendo estas as derradeiras festas parroquiais do municipio neste ano marcado pola ausencia de verbenas, motivo polo que o Concello creou este programa “Música nas Parroquias”, “Unha aposta do goberno de Nigrán para que ningún barrio quedara sen celebración do seu patrón que comezamos en Vilariño e rematamos este fin de semana en Priegue”, declara Juan González.