A Concellería de Alumeado Público de Baiona vén de substituír varios puntos de luz estilo “globo” por luminarias de tecnoloxía led na Rúa Illas Estelas, na subida dende Santísima Trindade cara as urbanizacións As Estelas e As Maclas.
Esta acción enmárcase no proxecto desta Concellería, dirixida por Óscar Martínez, de mellora da eficiencia enerxética no Concello, conseguindo unha iluminación de máis calidade e máis respectuosa co medio ambiente. Neste senso o concelleiro indica que “as características das anteriores lámpadas fan que a luz se non se aproveite e se disperse polo ceo, aumentando a contaminación lumínica, en cambio, as novas luminarias concentran a iluminación onde fai falta, tendo ademais un menor consumo”.
Segundo o Alcalde, Carlos Gómez, a substitución das luminarias incide na obtención duns servizos públicos máis eficientes: “Trátase de lograr unha importante redución no consumo, co conseguinte aforro no gasto”.

