O goberno local de Baiona tampouco inclúe na orde do día do pleno ordinario de setembro a aprobación inicial do orzamento de 2020 a pesar da necesidade de contar cunhas contas sociais adaptadas á complicada situación económica provocada polo Covid-19, tal e como fixeron a maioría dos concellos de Galicia meses atrás. Isto demostra, din, que se a xestión diaria é “deficiente”, o tripartito tampouco ten a máis mínima “planificación” debido a que “non son capaces nin de presentar o instrumento máis importante que ten un Concello para responder as necesidades dos veciños como é o orzamento anual”. Só a través deste documento económico pódense crear medidas sociais, potenciar o emprego ou reactivar a economía local.
“Non o fixeron en xaneiro, tampouco en marzo e chegou o mes de setembro e seguimos igual, falta total de traballo, de previsión e de responsabilidade a do Alcalde que non foi capaz de poñerse de acordo cos seus socios de goberno para redactar uns orzamentos que Baiona urxe”, acusan os populares.
Para o PP non existe escusa algunha para que se dea esta situación máis que a “parálise constante” do equipo político porque o goberno local conta con maioría no salón de plenos que lle garantise a súa aprobación. “Poderán tentar xustificarse coa falta de persoal técnico municipal pero outros municipios nas mesmas circunstancias conseguiron sacar adiante as contas en pleno confinamento para así axudar aos seus veciños”, adiantan.
O grupo municipal popular sempre mantivo unha actitude colaborativa e construtiva co goberno tripartito ata o punto de que no pleno de xuño deste ano púxolle sobre a mesa un plan de reactivación económica viable e adaptado ás circunstancias que o alcalde ignorou alegando, precisamente, a necesidade duns orzamentos. Con todo, apostilan desde o PP, “nin escoita nin traballa en propostas propias”.
En 2019 aprobaron un orzamento case idéntico ao que rexeitaron estando na oposición
A pesar de que en varias ocasións o goberno local anunciou a inminente presentación dos orzamentos para este 2020 e, por tanto, a súa aprobación inicial en pleno, este momento aínda non chegou. O Concello de Baiona, a pesar de que as circunstancias actuais son completamente diferentes ás de 2019 e urxen dunha previsión e xestión económica sen precedentes, continúa “vivindo” dunhas contas que aprobaron en outubro de 2019 pero que eran un “copia e pega” das elaboradas polo anterior goberno municipal do PP. “Practicamente as mesmas, din os populares, que tanto o PSdeG como o BNG rexeitaron estando na oposición”, lembran e cualifican a actitude do tripartito como “unha falta grave xa que sen orzamento provocan unha parálise económica e social intolerable”. “Están a demostrar unha vez máis a súa incapacidade de xestión”, apostilan.

