Gondomar repartiu xa máis de 250 composteiros individuais na súa aposta pola reciclaxe

O concelleiro de Medioambiente, Brais Misa, acompañado pola mestra composteira, Karina Pereria, realizaron hoxe unha nova entrega de composteiros individuais ás veciñas e veciños de Gondomar que previamente o solicitaran para as súas vivendas. Ata o momento xa se sumaron a esta iniciativa máis de 250 persoas, apostando pola política ambiental que vén desenvolvendo o goberno local esta lexislatura.

Neste sentido Gondomar segue traballando pola reciclaxe e a sustentabilidade como un dos seus acenos de identidade. Así o lembrou o concelleiro Brais Misa, quen aproveitou a ocasión para agradecer a implicación das veciñas e dos veciños nestas iniciativas que favorecen a redución de residuos e subliñou aos presentes todas as vantaxes que reportan á contorna e á economía local.

Ata o de agora realizáronse un total de dez entregas e espérase sumar máis nos próximos meses debido á gran acollida que esta iniciativa, apoiada polo Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, tivo entre a poboación, que respondeu cunha alta demanda de composteiros.