A campaña de concienciación da Xunta para promover un turismo seguro chega a Baiona

No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia escolle esta fin de semana o Baixo Miño para poñer punto e final á campaña itinerante de concienciación que durante todo este verán estivo promovendo un turismo seguro en distintos puntos de Galicia. A oficina informativa móbil estará mañá sábado en Baiona, na avenida Arquitecto Jesús Valverde –na zona próxima ao Parador–, e o domingo en Tui, en Corredera Baja.

Desde alí informarase aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro. A unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo permanecerá aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas e está atendida por profesionais da información turística e difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

Tras o seu paso por Tui o domingo rematará así a iniciativa, que comezou en Santiago de Compostela o pasado mes de xullo e percorreu varios dos principais municipios turísticos. Nestes meses fixo parada en Ferrol, A Coruña, Ribeira, Betanzos, Rianxo, Lugo, Monforte, Sarria e Viveiro, Ourense, O Carballiño, Pontevedra e Poio. Nas últimas semanas estivo no Salnés, con Sanxenxo, O Grove, Cambados e Vilagarcía de Arousa como parte do seu percorrido, así como en Cangas, Vigo ou Nigrán.

A campaña itinerante enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Xunta para garantir seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario. Inclúese no Plan de Reactivación do sector turístico aprobado o pasado mes de abril que comprende accións para promover Galicia como un destino seguro.