Baiona inaugura o seu cuarto centro de compostaxe comunitaria

O Concelleiro de Medio Rural de Baiona, Iago Pereira, procedeu hoxe a inaugurar o cuarto centro de compostaxe comunitaria do Concello na contorna da escola infantil “A Galiña Azul”.

O Concello de Baiona, ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, contaba ata o de agora con tres centros de compostaxe comunitaria no Parque dos Tendais, na Rúa Burgo e no Camiño do Carme en Sabarís, que funcionan con gran éxito de participación e coñecemento por parte da cidadanía e que permiten tratar dun xeito máis sostible a fracción orgánica do lixo conforme as últimas directivas comunitarias, aforrar custes de xestión do lixo e obter un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.

Ante o incremento do uso destas instalacións, a Concellería de Medio Rural segue apostando pola economía circular coa instalación deste cuarto centro, que atenderá os residuos orgánicos xerados na escola infantil así como aqueles dos veciños dos edificios lindeiros.

A Concellería de Medio Rural anima á cidadanía a achegarse a este novo centro así coma aos tres xa instalados para depositar os seus residuos orgánicos para unha xestión máis sostible do lixo que evita emisións contaminantes á atmosfera, xera aforros na xestión do lixo e consegue un fertilizante natural con excelentes propiedades para aplicar no solo.