Juan González, alcalde de Nigrán, xunto ao concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, clausurou onte no Pavillón de Panxón o I Campus Multideporte organizado conxuntamente entre o Nigrán Panxón FS e o CB Nigrán coa colaboración do Concello.
Os dous clubs deportivos pechan así dúas semanas intensas dun campus global no que os nenos e nenas participantes gozaron de diversas actividades como hóckey, balonmán, volei praia, frisbee, indiaca, fitball praia, kinball ou xogos populares ademais de actividades directamente vinculadas ao Fútbol Sala e Baloncesto. As actividades desenvolvéronse en pequenos grupos utilizando diferentes espazos do Pavillón Municipal ou a contorna do mesmo, como a praia ou o parque infantil. Todas e cada unha das actividades programadas cumpriron coas medidas hixiénico sanitarias anti COVID 19 (grupos reducidos, máscaras, distancia de seguridade, desinfección de material, xeles na recepción e despedida dos nenos e nenas, etc).
No acto de clausura o alcalde de Nigrán e o concelleiro de Deportes fixeron entrega a todos os nenos e nenas participantes dunha camiseta e un diploma acreditativo da participación no campus.
Ambos os dous clubs séntense enormemente satisfeitos co éxito desta primeira experiencia conxunta pois, aínda que a priori este campus presentábase como algo tremendamente complexo debido á situación sanitaria que estamos a vivir e tamén ao esforzo extra de coordinación que supoñía organizalo entre dous clubs con disciplinas deportivas diferentes, a experiencia resultou máis que gratificante.
Desde a organización queren dar as grazas a todas as familias por confiar neles para confiarlles aos seus fillos durante estas dúas semanas, aos nenos e nenas pola súa boa disposición á hora de participar en todas as actividades programadas e pola súa gran paciencia e responsabilidade cumprindo sen “rechistar” todas as normas anti COVID e por suposto a Nuria, Ramón, Samuel e Aarón, monitores do campus, polo excelente traballo de coordinación e organización de actividades e xestión dos diferentes grupos de nenos e nenas.
Grazas tamén ao Concello de Nigrán polo uso das instalacións municipais e material deportivo, camisetas, cobertura do seguro de accidentes deportivos e todo o apoio para poder levar a cabo este campus coas maiores medidas de seguridade posibles para os nenos e nenas e adestradores.












