Preto de 100 detidos ou investigados polo Seprona en Pontevedra por delitos contra o medio ambiente durante 2019

A Garda Civil detivo ou investigou a un total de 96 persoas ao longo de 2019, fundamentalmente por delitos relativos á protección da flora e a fauna e contra os recursos naturais e o medio ambiente, segundo o balance de actuacións do Seprona correspondente ao pasado exercicio.

As pescudas realizadas polo Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, coa participación das demais unidades territoriais da Comandancia e a colaboración dos cidadáns que denunciaron a través dos teléfonos de atención e correos electrónicos do corpo, levaron á detección dun total de 81 delitos: 18 deles relativos á propiedade industrial, con 19 investigados; 12 por incendios forestais, con 1 persoa detida e 8 investigadas e 15 por malos tratos e/ou abandono de animais domésticos, con 3 persoas investigadas.

Por baixo destas cifras atoparíanse outros ilícitos penais como os delitos de defraudación do fluído eléctrico (8), contra o patrimonio histórico (3), relativos á pesca e o marisqueo ilegal (2), caza (1), depósitos ou verteduras de residuos tóxicos ou perigosos (1) e contra a saúde pública con produtos alimenticios (1), entre outros.

Tamén, durante o pasado ano 2019 foron denunciadas por infraccións administrativas relacionadas co medio ambiente un total de 1.788 infraccións, entre as que destacan as relacionadas coa normativa sobre malos tratos ou abandono de animais domésticos (351), lexislación sobre montes (221), sanidade animal e epizootias (151), pesca (118), animais perigosos (98) e (63) relacionadas co urbanismo e a ordenación do territorio.

Operacións máis relevantes:

Xaneiro/2019. A Garda Civil desarticula unha trama organizada por presuntas ilegalidades no control do marisqueo. Investigáronse penalmente 20 persoas pertencentes a varias agrupacións de mariscadores de a pé e calculouse que desde o 2012 ao 2017 vendéronse en lonxa algo máis de 130 toneladas de bivalvos sen ser rexistrados nos “puntos de control”.

Agosto/2019. A Garda Civil desarticulou unha organización criminal supostamente liderada por un empresario almacenista do sector da madeira na provincia de Ourense que comercializaba ilegalmente madeira de piñeiro que adquiría en zonas infectadas polo Nematodo do Piñeiro no sur da provincia de Pontevedra e vendíaa noutras provincias e comunidades autónomas do territorio nacional que estaban libres desta infección fitosanitaria.

A operación “Bursatil” concluíu coa detención do principal responsable da organización e a investigación doutras 14 persoas, ás que se lles acusa, entre outros, dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

Outubro/2019. A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Cerdedo-Cotobade como presunto autor de catro delitos de incendio forestal, que supostamente puido ocasionar utilizando varios artefactos incendiarios.

Os catro episodios incendiarios que se lle atribuíron a este veciño, dous deles en grao de tentativa, producíronse na parroquia Viascón, unha zona na que, nos últimos anos sufrira unha alta actividade incendiaria. No que vai deste ano, existen 8 rexistros de incendio forestal, todos eles provocados de forma intencionada.

Novembro/2019. Incáutase dunha importante cantidade de corais nun establecemento comercial de Vigo onde tamén se expoñían outros especímenes que se atopan amparados polo Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES). En total localizáronse preto de 1.300 especies que se aprehenderon por carecer da preceptiva documentación que acreditase a súa legal importación.