Sin categoría

O campión do mundo Pablo Santurde, recoñecido como patrón do ano nos Premios Nacionais de Vela

O regatista cántabro Pablo Santurde, de 33 anos, acaba de ser recoñecido como patrón do ano polos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, que cada ano premian aos deportistas, equipos e institucións máis destacados no mundo da vela en España.

O galardón, que Santurde recollerá o próximo 5 de setembro nunha gala que se celebrará no Monte Real Club de Yates de Baiona, recoñece os éxitos logrados polo patrón santanderino ao longo do 2019, cando conseguiu ser campión do mundo da clase J80 liderando á tripulación do M& G Tressis do Real Club Marítimo de Santander.

Ese ano, ademais de levar o mundial como patrón, logrou vencer na Caribbean 600 (en Class40) e no Open de España de J70. Conseguiu tamén subirse ao podio da Normandy Channel Race (en Class40), na que quedou segundo; e no Campionato do Mundo de J70, cunha terceira posición.

Licenciado en náutica e transporte marítimo, Santurde empezou a navegar desde moi pequeno da man dos seus pais, que sempre tiveron barco. Deu os seus primeiros pasos en vela lixeira en Optimist, 420 e 470, chegando a participar na campaña olímpica para Londres 2012 na clase 470.

Aos poucos foi evolucionando e Gonzalo Botín deulle a oportunidade de saltar aos grandes barcos e as grandes regatas. Navegou en mini 650 e en Class40 (coa que foi dúas veces campión do mundo e outras dúas veces subcampión) e conseguiu gañar probas tan importantes como a Fastnet Race (en 2015), a Caribbean 600 ata en 6 ocasións, a Transat Quebec Saint Malo (en 2016), a Volta a Inglaterra e Irlanda (en 2018) ou a Transat Jacques Vabre, na que logrou dous podios (segundo con Alex Pella en 2013 e terceiro con Phil Sharp en 2017).

Imocas, Fígaros, MOD70, Swan, J70, J80… poucos son os barcos que se lle resisten a este cántabro amante do mar e a vela que se mostrou moi satisfeito por ser recoñecido co premio ao patrón do ano nos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda.

“É unha honra recibir un premio como este e ver recoñecidos tantos anos de traballo e dedicación, máis aínda cando en España contamos con tan bos regatistas, moitos deles merecedores tamén deste premio”, di Santurde, quen tamén quixo dedicar o premio “a todas as tripulacións das que formei parte e aos compañeiros dos que, sen dúbida, aprendín tanto”. O patrón cántabro agradeceu así mesmo ao Monte Real Club de Yates a concesión do premio e o seu “incansable traballo para fomentar a práctica da vela e as regatas en España ao longo de tantos anos”.