Nigrán continúa mañá no Val Miñor Fest co programa “A igualdade non é un conto”

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), continúa este venres ás 20:30 na Alameda de A Ramallosa e dentro do Val Miñor Fest (festival da cervexa artesá) o programa “A igualdade non é un conto”, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques.

Nesta ocasión terá lugar o contacontos “Coas lentes violetas” creado para a ocasión pola parella artística de Nigrán “Voltereta e Volvoreta”. O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e estereotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.

O Val Miñor Fest, por cuestións de seguridade sanitaria, será con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.