
O Concello de Gondomar decidiu aprazar o programa cultural que viña desenvolvendo desde o pasado mes de xullo ante a preocupante escalada no incremento de contaxios da Covid-19 que se están a rexistrar en Galicia. “Preferimos previr e poñer os medios que sexan precisos para non correr riscos ante as cifras que estanse a rexistrar no noso país”, afirmou o alcalde Paco Ferreira.
En total veranse afectadas seis actividades previstas para as dúas últimas fins de semana, ás que se suman as tres aprazadas fai sete días tras confirmar fontes sanitarias un brote de Covid-19 no municipio.
O programa “Cultura de verán” incluía a celebración de concertos, cinema na rúa e espectáculos familiares cun claro apoio aos artistas e grupos locais “porque eramos conscientes de que a cultura é un sector que non podiamos deixar atrás tras o confinamento”, manifestou o rexedor Paco Ferreira, quen fixo fincapé en que “en todo momento durante o desenvolvemento das actuacións cumpríronse de forma estrita e rigorosa as medidas de seguridade hixiénico-sanitarias e de distanciamento interpersoal que estamos obrigados a cumprir”.