Co lecer nocturno dando as últimas rabexadas, Baiona segue loitando co fin de manter controlado un fenómeno que pola súa natureza tende ao libre albedrío e que todo apunta que se acabará mañá luns. E é que mozos e copas non acaban de casar do todo coa distancia obrigatoria establecida de 1,5 metros, o uso das máscaras, a prohibición de beber na rúa e como guinda do pastel a prohibición de fumar en espazos públicos nos que non se poida garantir unha separación entre persoas en todo momento de dous metros.
Todo iso sumado a que a zona de copas conta coa barreira física das dimensións propias do casco antigo baionés. Precisamente o alcalde Carlos Gómez aclarou que na noite do pasado venres e madrugada do sábado os axentes da autoridade tiveron que desaloxar dous bares de copas por repetidos incumprimentos das normas relacionadas co aforo e uso de elementos de protección. Gómez explicou que se levantaron senllas actas e xa se está traballando en sancións.
A pesar de que a tónica xeral é de cumprimento explicou que hai zonas puntuais que se resisten, a pesar de que locais como “La Llave” ou o “Villarosa” optasen por non abrir as súas portas tras a noticia do peche total do sector en toda España. A pesar de que desde o goberno central non precisaron cando se farán efecto as 11 medidas irán entrando en vigor nas CCAA a partir de mañá luns.

