A Área Sanitaria de Vigo restrinxe as visitas a pacientes hospitalizados

A dirección da Área Sanitaria de Vigo adoptou a decisión de restrinxir as visitas aos pacientes hospitalizados debido á situación epidemiolóxica actual e para garantir a seguridade e distancia interpersoal dos empregados do hospital, dos pacientes e das propias visitas.

Dentro das liñas de actuación recollidas no “Plan de reactivación asistencial no ámbito hospitalario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2” do Servizo Galego de Saúde contemplábase, como estratexia de prevención, a adopción de determinadas medidas dirixidas a protexer aos profesionais, aos pacientes ingresados e ao resto de persoas que transiten polo hospital, reducindo a probabilidade de contacto con casos COVID-19.

Neste sentido recollíase, como medida organizativa, o mantemento dunha política de visitas e acompañamento restritiva. Se ben na fase II de reactivación asistencial reflectida no plan, era posible recuperar a política de visitas habitual do centro sempre que se garantise o distanciamento interpersoal de seguridade, o contexto epidemiolóxico actual fai necesario recuperar esta medida de prevención.

Réxime de visitas

Por iso, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo lembra a política de visitas que se debe manter no caso de pacientes hospitalizados, que é a seguinte:

• A pacientes non COVID-19: permitirase unha única visita/acompañante, preferiblemente menor de 70 anos e que non presente síntomas de infección respiratoria.

• A pacientes COVID-19: visitas limitadas a situacións excepcionais: única visita/acompañante que deberá ser menor de 70 anos e empregando o equipo de protección adecuado (sempre que sexa posible permitirase o acompañamento ao final da vida).

• En relación ás consultas externas, probas diagnósticas, hospital de día xeral e oncohematolóxico recomendase ao paciente acudir so ou cun único acompañante nos casos que así o requiran (menores de idade, persoas dependentes, e outros).

En calquera caso, será necesario garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a realización de hixiene de mans por parte de paciente e acompañante á entrada e saída das unidades de hospitalización, consultas externas e demais áreas de atención e cumprir a normativa vixente en canto á obrigatoriedade de portar máscara.

Ademais, a Xerencia lembra a prohibición de fumar en todos os centros sanitarios.