Veciños de Sabarís, en contra da instalación dunha gasolineira

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Residentes no barrio de Outeiro e arredores o luns, debaixo da pancarta colgada no acceso ao solar.

A construción dunha gasolineira “low cost” nun solar do Camiño de Outeiro puxo en pé de guerra aos veciños do núcleo pertencente de Sabarís, que se negan á construción do complexo preto das súas casas e nun viario que tería que ser sometido a unha ampliación para dar cabida aos vehículos que farían uso do servizo.

Por iso un dos residentes na zona impulsou unha recollida de firmas que serán presentadas nas administracións co fin de poñer freo ao proxecto, cuxo inicio é inminente. Modesto Solloso explicou que conseguiu reunir ao redor de 210 rúbricas en contra da iniciativa en menos de dúas semanas.

Ademais do seu emprazamento, Solloso considera que as consecuencias da colocación dunha estación de servizo destas características traerá consecuencias lesivas a medio prazo. “A que temos en Baiona dá traballo a 20 familias e esta é dunha empresa de capital andaluz”, apostilou.