A Vig-Bay cancela a súa edición de 2020 polo coronavirus

FOTO: VIG-BAY // Saída da proba en Samil.

Finalmente o XXI Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay non se celebrará no 2020. A través dun comunicado oficial, a organización do evento deportivo anunciou a súa cancelación “despois de 20 anos consecutivos unidos pel con pel en cada unha das saídas na Praia de Samil, animándonos durante o percorrido por Nigrán e enchéndonos de abrazos en Baiona ao chegar á meta”.

Afirman que “dada a situación que seguimos vivindo e as preocupantes noticias que chegan con rebrotes do Covid-19 esta foi a única decisión posible, a pesar de todo o traballo que hai detrás e do esforzo realizado tanto pola organización como por patrocinadores e colaboradores para que o evento puidésese levar a cabo”.

Lembran que durante os últimos meses estiveron buscando todas as alternativas posibles, “pero dado que as garantías sanitarias non son as idóneas, por encima de todo, sodes vós os máis importantes e os que facedes posible este evento edición tras edición”. Así mesmo, agradecen “toda a paciencia e agarimo que nos demostrastes nestes momentos tan complicados e desexamos estar máis unidos que nunca na próxima edición”.

Todos os inscritos recibirán un e-mail nos próximos días para elixir entre dúas opcións antes do día 31 de agosto: gardar a inscrición para a edición do 2021, prevista para o 11 de abril dese ano, ou trasladar a inscrición para o 2022; ou solicitar a devolución do importe da inscrición (excepto os gastos de xestión). As devolucións faranse efectivas a partir do 2 de setembro.

“Non queremos despedirnos sen reiterar os nosos agradecementos e dicirvos que non deixedes de adestrar que a edición do 2021 vai ser moi especial e desde a Vig-Bay imos traballar para sorprendervos e poder dedicarlle o voso esforzo a todos aqueles que por desgraza xa non están connosco e que o noso Himno Galego na saída soe máis forte que nunca”, conclúe o comunicado.