Gondomar apraza a axenda cultural prevista para esta semana polo brote de Covid-19

O Concello de Gondomar vén de comunicar a decisión de aprazar a axenda cultural programa para esta semana ante a incerteza provocada polo brote de Covid-19 detectado no municipio, con 7 positivos, confirmado este luns polas autoridades sanitarias da Xunta de Galicia. O alcalde, Paco Ferreira, asegura tomar a decisión “como medida de prevención e en aras de garantir a saúde pública”.

A Concellería de Cultura tiña previsto para os próximos días música, teatro e cine. O xoves estaba programado un concerto do grupo de percusión Odaiko, dentro do programa “Cultura no Camiño”; o venres, a actuación do cantautor local Rubén de Lis; o sábado, a obra de teatro familiar “Dr. Milagre”; e o domingo, a proxección da película “Mascotas 2” no Centro Cultural de Couso.

Tamén se apraza o programa “Descobre Gondomar”, que inclúe roteiros guiados polo municipio, o primeiro previsto inicialmente para este mesmo xoves. Ao mesmo tempo, desde o Concello de Gondomar queren facer un chamamento á cidadanía para o uso da máscara e a adopción das medidas de seguridade.