Investigan a unha veciña de Baiona por presuntamente raiar unha ducia de vehículos estacionados

Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán investigaron penalmente a unha veciña de Baiona como presunta autora dun delito continuado de danos intencionados sobre 13 vehículos que se atopaban estacionados en dúas rúas da mesma localidade.

A Garda Civil tivo coñecemento dos danos ocasionados a estes vehículos durante a madrugada do 29 ao 30 do pasado mes de xullo. Nos trece casos denunciados, os coches presentaban raiaduras producidas por algún obxecto punzante en distintas partes das súas carrocerías.

Unha vez coñecidos os feitos, a Garda Civil realizou as correspondentes inspeccións oculares nos trece vehículos danados observando unicamente danos estéticos, non resultando forzada a fechadura de ningún deles.

As xestións realizadas pola Garda Civil concluíron coa identificación do suposto autor que resultou ser unha veciña de Baiona de 33 anos, que conta cun amplo historial delituoso relacionado con delitos contra a seguridade viaria con alcoholemias positivas.

Esa persoa foi notificada como investigada por un presunto delito continuado de danos e deberá comparecer no Xulgado de Instrución de garda de Vigo cando sexa citada.