“O Sr. Alcalde é incapaz de conter o caos nas praias de Nigrán”

Juan González, alcalde socialista de Nigrán, manifestou que non tomaría medidas como restricións de acceso ás praias ou parcelación das mesmas. Con todo, desde o Partido Popular afirman que a realidade se impón, sobre todo coa marea alta, “na que é materialmente imposible manter as distancias, e a ausencia de máscaras entre os usuarios é maioritaria”. Despois de varias advertencias por este tema nos plenos anteriores por parte do portavoz do PP, Carlos Abal, a alarma ante esta situación chegou cando onte algún medio facíase eco do que está a pasar nas praias “ante a inaudita pasividade do equipo de goberno do Concello de Nigrán”.

Os populares sinalan que está claro que a simple chamada á conciencia cidadá non é suficiente, así como os avisos por megafonía, “que por certo nalgunhas praias non existe, e noutras non se escoita en todas as zonas”. Segundo o PP, é preciso que se leven a cabo medidas de control de aforo máis contundentes para evitar males maiores. “A última gran ocorrencia é poñerse a realizar un curso de drons para o control de aforo, agora, cando estes deberían realizarse hai polo menos un mes, para que neste momento estivesen a usarse xa. Por encima os drons non son os adecuados para uso profesional, segundo o manifestado pola Garda Civil, algo absolutamente inaudito cando has de velar pola seguridade das persoas”, lamentan os populares.

“Só queda esperar que a sorte evite que xurda algún brote de Covid-19 en Nigrán, porque visto o visto, é o único que nos pode librar do problema, xa que os que deberían poñer todo o seu empeño en evitalo non parece que sexan conscientes do que ocorre. A imprevisión, a incompetencia e a falta de xestión póñense de manifesto en cada actuación relevante do Juan González, salvo na programación festiva que hai que recoñecer que se esforzou por adaptarse ás circunstancias, iso si, mellor non preguntar polas pistas de atletismo, ou pola nova biblioteca, ou polo despregamento de fibra, ou polos servizos que a día de hoxe non chegan a todos os veciños, ou polo plan xeral, ou polas axudas a persoas, empresas e autónomos vítimas da pandemia, ou polo carril bici que segue pintado pero non existe, ou polos contedores de lixo a rebordar nalgunhas zonas case todos os días, ou polo canon de 450.000€ que se lle paga a Vigo pola auga e que Gondomar non paga, ou polos 8 millóns de euros que pagou no 2019 con reparos do interventor, a maioría por ser a dedo”.

Desde o PP lembra ao Alcalde que o seu compromiso cos veciños de Nigrán “é para xestionar adecuadamente os recursos do Concello e prestar os mellores servizos aos cidadáns, algo que lamentablemente está moi lonxe de conseguir”.