O PP de Baiona esixe un sistema efectivo de control de aforo das praias como medida anticovid

O PP de Baiona esixe ao tripartito local que abandone dunha vez a “improvisación” e implante canto antes un sistema de control de aforo das praias como medida anticovid para evitar aglomeracións nos areais. Consideran “inxustificable” que a 7 de agosto o alcalde “aínda non fose capaz de poñer en marcha un plan eficaz cando na maioría dos concellos da costa xa funciona desde xuño”.

O rexedor anunciou ata catro sistemas diferentes de control en apenas tres meses pero non instaurou ningún efectivo. En primeiro lugar, o 10 de maio, informou os medios de comunicación da parcelación dos areais, pero tan só dez días despois cambiouno pola instalación de cámaras de videovixilancia. Con todo, este método quedou en “stand by” e o 8 de xullo Carlos Gómez xa falaba dunha linguaxe de bandeiras, as mesmas que usan os socorristas para avisar das condicións do mar. Casualmente, este é o único sistema que manteñen en funcionamento a pesar de que “crea unha total e absoluta confusión para os usuarios ao ser o mesmo sistema que se utiliza para sinalizar o perigo do baño”. “Polo menos podían elixir outra cor para diferencialo”, advirten os populares.

Precisamente, no pleno correspondente ao mes de agosto, o portavoz local do PP, Ángel Rodal, preguntou pola eficacia desta medida á responsable de Medio Ambiente, Rosa María Domínguez, sen que esta fose capaz de defender a súa practicidade.

Pero a das bandeiras non foi o único anuncio do goberno local de Baiona neste sentido. O último chegou o pasado 16 de xullo cos drons intelixentes pero, novamente, esta opción tamén foi descartada a pesar de que ao rexedor parecíalle “moi interesante” no pleno do mes de xullo pero, a xulgar polo ocorrido, “ningunha das propostas foran estudadas con antelación con expertos”.

“Isto é unha tomadura de pelo, non só se está mareando aos veciños e visitantes senón que é ilóxico e inexplicable que a estas alturas do verán desde o Concello aínda non se aplicou nin unha soa medida de prevención e protección efectiva fronte ao Covid-19 co risco que iso supón para os usuarios”, indican os populares.