A Copa de España regresa en Valladolid co Vigo-Rías Baixas á fronte de dúas clasificacións

A terceira proba puntuable para a Copa de España Elite-Sub23 marca este domingo a continuación do certame máis prestixioso do campo amateur español tras cinco meses de parón obrigatorio. O Vigo-Rías Baixas retoma na IX Copa Valladolid – Memorial Ángel Lozano o seu principal obxectivo para esta tempada e terá que defender a dobre condición de líder adquirida antes da crise sanitaria provocada pola Covid-19. A estrutura que preside José Luis Chamorro encabeza a táboa por equipos e o seu xefe de filas Mauricio Moreira domina a clasificación Elite.

A principios de marzo a Copa de España celebrou as súas dúas primeiras citas e oito das carreiras restantes recolocáronse no calendario, quedando fixada a última delas para o 18 de outubro. O Vigo-Rías Baixas chega a estes dous intensos meses de competición ocupando o primeiro posto da clasificación por escuadras, igualado co Caja Rural a 86 puntos e cun punto de vantaxe respecto ao Kometa e ao Lizarte.

O uruguaio Moreira, gañador da proba inaugural en Don Benito (Estremadura), aparece na táboa individual como o mellor corredor elite con 139 puntos na súa marcadora, un punto por baixo do sub23 Jordi López (Lizarte). A terceira praza correspóndelle ao sub23 Víctor Ocampo (Colnago) con 120 puntos, os mesmos que o elite Antonio Gómez (Manuela Fundación)

O ciclista charrúa aumentou a súa conta de triunfos despois do confinamento ao impoñerse no prólogo da Volta a Zamora e no seu retorno ás estradas castelán leonesas terá como compañeiros a Edwin Torres, Asier González, Guillermo Mallo, Iñigo González, Pelayo Mosteiro e Joan Nicolau.

A Copa Valladolid estréase no calendario deste certame cun percorrido rompepernas de 160 quilómetros. Con saída e meta na capital valisoletana, sete dificultades montañosas de 3ª categoría e a ameaza do vento deberían ser os factores máis determinantes antes do desenlace na Cúpula do Milenio. O bandeirazo inicial está previsto para as 10:00 horas.