Baiona poñerá en marcha 10 proxectos de obra ao abeiro do Plan Concellos

O Concello de Baiona desenvolverá unha primeira batería de dez proxectos que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que, na súa maior parte, terán como destinatarios ás parroquias “que sempre foron as grandes esquecidas polos sucesivos gobernos conservadores”, afirma o alcalde Carlos Gómez.

Precisamente, o alcalde acompañado polos concelleiros de Vías e Obras, Óscar Martínez; e Urbanismo, Víctor Muñoz, reuniuse en pasados días coa veciñanza de Sabarís para darlles conta, polo miúdo, dos traballos de pavimentación e mellora da seguridade viaria que se van desenvolver no Camiño Serralleira.

As obras, que contan cun investimento superior aos 133.000 euros, inclúen a mellora do asfaltado do viario, canalizacións para recollida de pluviais e mellora de accesos aos camiños lindeiros.

Carlos Gómez insistiu en que as parroquias do municipio “serán unhas das grandes beneficiarias destas actuacións” ao subliñar o rexedor local que “durante décadas de gobernos conservadores foron as grandes esquecidas”.

O Goberno local, deste xeito, pretende cumprir “cunha débeda histórica co noso rural e que ten como fin prioritario evitar desigualdades, ofrecendo os mesmos servizos e a mesma calidade de vida a toda a veciñanza sen importar o lugar no que residan”, conclúe o alcalde de Baiona.