Suspendido o 54º Rallye Rías Baixas en 2020

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Sergio Vallejo no TC Nigrán.

Debido á actual situación de incerteza e inseguridade, ocasionada polos importantes rebrotes da Covid-19, a Escuadra Rías Baixas en común acordo co Concello de Vigo e o grupo Recalvi, principal patrocinador, decidiu anular a 54 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, que estaba prevista para os próximos 4 e 5 de setembro.

Nun comunicado afirman que “moi ao noso pesar, tomamos esta difícil decisión aconsellados polas autoridades sanitarias priorizando, como non podía ser doutra forma, a saúde do público que segue o noso rallye así como de participantes, equipos e de todas as persoas que traballan na organización da proba”.

“Fomos defensores de levar adiante o noso Rallye –continúan- coa firme esperanza que, unha vez aprazado da súa data inicial (29 e 30 de maio) e xa na nova normalidade, a seguridade para a saúde de todos non expuxese problemas, pero tristemente non é esa a realidade que vivimos actualmente”.

“Sentimos os prexuízos que isto poida ocasionar ao que se prevía como o mellor ano do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, así como a todos os equipos participantes que puxeron os seus esforzos e ilusións para poder estar connosco nesta atípica edición; igualmente aos patrocinadores, ao público en xeral e a todos os voluntarios que forman o gran equipo humano da nosa Escuadra. Á súa vez, queremos agradecerlles a súa confianza e comprensión, que tamén facemos extensible a todas as institucións e concellos que sempre estiveron e están connosco”.

“Se seguimos os consellos sanitarios seguro que poderemos celebrar a 54 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, ao grande, en 2021”, conclúe o comunicado.