A banda miñorana de rock The Mirror lanza o seu primeiro disco

Tras moitas horas de traballo, moita ilusión e unha pandemia mundial, The Mirror conseguiu por fin lanzar o seu primeiro disco de temas orixinais. Tania Rodríguez Braga (vocalista), Álex Vasconcellos (vocalista e guitarrista), Óscar Román (baterista), Rubén Carrera (guitarrista solista) e Gorio Álvarez (baixista) presentan un disco autoeditado de nove cancións orixinais que foi gravado e producido en Baixo Miño Estudios no Rosal e masterizado por North West Mastering, A Coruña.

Tras o anticipo que a banda deu ao presentar en Youtube o videoclip da canción “Brand New Sunset” o 29 de maio, onde contaron coa participación da atleta paralímpica Desirée Vila, agora presentan este álbum debut de rock en inglés cun son fresco, contundente e marcado pola orixinalidade das traballadas e sentidas harmonías dos seus dous vocalistas (feminina e masculino) que tanto caracterizan á banda e que prometen non deixar a ninguén indiferente.

A banda presentará este primeiro traballo o mércores 2 de setembro ás 23:00 horas na Palma, no Concello de Baiona, dentro da programación de concertos de verán. Alí poderase adquirir o disco en formato físico, cuxo deseño gráfico foi realizado polo tamén artista guardés Bruce Grinn. As fotos son obra de Tamara Castro Fotografía.

Xa se pode escoitar o álbum completo así como estar ao tanto de todos os seus movementos e próximas datas nas redes sociais da banda (Facebook, Instagram, Youtube): @themirrormusic.

2020-08-02 - PORTADA THE MIRROR