Carlos Núñez ofrecerá unha segunda sesión de “Lugares Máxicos” en Monteferro

O Concello de Nigrán anuncia na súa programación especial de agosto “Nigrán, equilibrio natural” un concerto matinal de Carlos Núñez o domingo 16 de agosto no miradoiro de Monteferro ao esgotarse as entradas para o previsto o sábado 15 en tempo récord. Os interesados neste xa poden adquirilas a través de Ataquilla por un prezo de 20 €. Igualmente, o evento forma parte da xira “Lugares Máxicos” e do circuíto Cultura no Camiño, sendo a primeira vez que o gaiteiro ofrece unha segunda sesión e neste horario (11:00 horas). Coma o do sábado, será cun aforo moi reducido por mor das circunstancias sanitarias e polo propio espírito destes concertos nos que o músico galego busca unha especial sinerxia co público e a natureza.

“Sabíamos que era unha oportunidade única ver a Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro porque xuntamos ao mellor gaiteiro do mundo no que nos consideramos o mellor escenario do mundo, así que loxicamente as entradas voaron; por iso apostamos por esta segunda sesión, para dar resposta a todos aqueles que quedaran coas ganas”, incide o alcalde, Juan González.

“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Monteferro é todo un santuario fronte ao mar que garda mensaxes milenarias debuxadas nas súas pedras. Segundo os arqueólogos, os seus petróglifos falan de historias fascinantes tan variadas que van dende a coroación dun rei na prehistoria, ate ritos de fecundidade. Algunhas das formas daquelas cerimonias perviviron nas nosas músicas, que sobreviviron a través da tradición, como as alboradas, que evocaremos neste concerto único matinal”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira “Lugares Máxicos” en espazos tan singulares como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.

Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, non se disporá de WC e só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comuñón coa contorna.

Medidas de seguridade

O Concerto seguirá rigorosamente todas as medidas de seguridade Covid-19, con distanciamento entre asistentes non convivintes, direccións de entrada e saída diferentes, uso obrigatorios de máscaras… Recomendando a organización encarecidamente chegar ao concerto con antelación suficiente para evitar calquera aglomeración, polo que o recinto estará aberto desde unha hora antes.