Nigrán abre o prazo de inscrición da X edición da Travesía a nado Costa Serena

Nigrán abrirá mañá xoves 30 de xullo o prazo de inscrición da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 6 de setembro en Praia América, tras aprazarse debido á pandemia da Covid-19. A proba estaba previsto que se disputase o 5 de xullo. Trátase dunha das travesías máis importantes e con maior participación de toda Galicia.

As inscricións poderán realizarse ata o 26 de agosto a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) e, de forma presencial, na tenda Boyer Triathlon Vigo (C/Manuel de Castro, 12) onde se poderá conseguir un 15% de desconto na compra de material de natación. O regulamento e a información da travesía están dispoñibles na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es.

Debido á crise pola Covid-19, a organización tivo que realizar unha serie de cambios para adaptarse ás esixencias sanitarias co obxectivo de garantir a máxima seguridade dos participantes. Entre as medidas que se implantarán para evitar calquera contaxio figura a limitación de aforo en todos os percorridos, as saídas graduadas de dous nadadores cada 10 segundos, a obrigatoriedade do uso da máscara ata antes da saída, meta e a entrega de trofeos, a toma de temperatura a todos os participantes e a delimitación de Praia América con estacas e cintas para manter a distancia social entre os nadadores e o público asistente, entre outras medidas.

Percorridos: as probas infantís serán gratuítas

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros con saídas graduadas de 2 nadadores cada 10 segundos. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico. O percorrido longo, que estará limitado a 190 prazas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, cun máximo de 100 prazas, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, tamén cun máximo de 100 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrancará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente. Este ano, con motivo da X edición da Travesía a nado, os percorridos infantís serán gratuítos e estarán limitados a un máximo de 15 nenos por cada proba.

Premios en metálico na proba de 4.000 metros

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e, por primeira vez, premios en metálico (150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 80 para os terceiros). Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña.

Este ano, tamén como novidade, entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

As inscricións poderán realizarse desde o 30 de xullo ás 10:00 horas ata o 26 de agosto ás 12 da mañá. O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 24 euros, 21 euros a de 2.700 metros e 19 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro de responsabilidade civil, asistencia médica, trofeo para os tres primeiros clasificados absolutos das tres probas, medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba de 4.000 metros, premios en metálico, máscara, medidas hixiénico-sanitarias (xeles hidroalcohólicos), reportaxe fotográfica, un xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo. Os nenos recibirán unha medalla.

A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial da Ramallosa e Sakami. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Comunica e Clubnatacion.com, entre outros.