“Violencia Zero. Mulleres en Acción” volve a Gondomar

A Praza Paradela de Gondomar acollerá este mércores 29 de xullo unha nova acción do programa que a Deputación de Pontevedra vén desenvolvendo baixo o título “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Ás 12:00 horas a artista Zeltia protagonizará a peza “Muller tribal”, que, entre outros obxectivos, visibiliza á muller como símbolo de saúde, defensora da vida. Muller loitadora e valente. Unha acción na que busca “facer rexurdir a figura da muller a través da música e dos elementos ambientais nun símbolo de cambio”.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” é un proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra co que, no espazo público e a través de accións artísticas, se reivindica a igualdade de xénero, concienciar á poboación do problema da violencia machista e unir forzas para acabar con ela.