O PP culpa a Carlos Gómez de perder o obradoiro que daría traballo a unha vintena de veciños da comarca

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ángel Rodal.

O PP lamenta que a “desidia” do alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Carlos Gómez, prive a unha vintena de veciños de traballar durante un ano no Obradoiro de Emprego Ecomiñor financiado integramente pola Xunta de Galicia. “É o segundo ano que a comarca perde este obradoiro de formación como consecuencia da mala xestión socialista”, apuntan os populares.

En 2019 non se puido impartir porque o presidente anterior non puido xustificar no proxecto onde se ían a executar as tarefas formativas e nesta ocasión, lonxe de corrixilo e actualizalo, Gómez enviou o mesmo proxecto que o ano pasado. “É unha tomadura de pelo aos veciños”, critican os populares de Baiona, que reprochan ao rexedor socialista que “non só non pon en marcha iniciativas para reactivar a economía local senón que despreza os que xa había e que beneficiaban a unha vintena de familias da comarca, moitas delas duramente castigadas pola pandemia do Covid-19”.

Ao PP baionés parécelle “deplorable” que un goberno local “teña tan pouca sensibilidade cos seus veciños” impedíndolles traballar. “Se sempre é importante apostar polo emprego para axudar ás familias, agora resulta máis urxente que nunca e é imperdoable que un alcalde e presidente da Mancomunidade deixe pasar unha oportunidade tan importante como esta que brinda a Xunta de Galicia”, reprochan.

O grupo municipal popular presentou ao Alcalde fai máis dun mes un paquete de medidas para a reactivación económica e social local “que tampouco se aplicou” e ao que o tripartito “tampouco presentou unha alternativa”.