Nigrán reactiva o Consello Escolar Municipal actualizando no pleno o seu regulamento

O goberno de Nigrán aprobou hoxe no pleno ordinario de xullo e co beneplácito de toda a corporación a modificación do regulamento do Consello Escolar Municipal co obxectivo de reactivalo e facelo de verdade operativo durante o vindeiro curso. Tras máis de 6 anos sen seren convocado (xaneiro de 2014) o goberno local quere poñer en marcha este órgano consultivo para consensuar, coordinar, planificar e abordar entre todos calquera aspecto que poida ter incidencia no correcto funcionamento dos centros de Nigrán.

Así, a proposta consistiu en modificar a composición dos sete membros que constaban como de designación municipal (art.3D), deste xeito, por vez primeira figurarán de xeito expreso un dos directores dos centros de Educación Secundaria e elimínase a representación da asociación de empresarios ao entenderse que este eido xa consta ao incluírse especificamente un dos directores dos centros privados ou concertados do municipio, ao igual que se elimina un representante das asociacións veciñais ao ter ese papel as respectivas ANPAS. Igualmente, incorpóranse dous especialistas en temas educativos de calquera dos centros de educación especial que existan no municipio (actualmente Menela, Juan María e CEE Panxón). O resto da composición de designación municipal mantense sen cambios contando sempre cun director de calquera dos centros públicos ou un representante proposto polo sindicato máis representativo do ámbito docente.

“Á vista da experiencia acumulada e coa finalidade de, precisamente, potenciar a representación do sector educativo e conseguir maior operatividade realizamos estes cambios que, de seguro, van beneficiar a este órgano”, explicou no Pleno Marina Vidal, concelleira de Educación.