Nigrán arranca este mércores o programa “A igualdade non é un conto”

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres, arranca este mércores ás 20:30 en Dunas de Gaifar o programa “A igualdade non é un conto”, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques que se desenvolverán dende o día 29 de xullo ata o día 5 de setembro en diferentes situacións.

O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e estereotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas

Así, a primeira das actuacións co título “Pequeno Cabaret Infantil. Os 1001 contos revirados” a cargo de Nelson Quinteiro Roa, terá lugar nas Dunas de Gaifar este mércores 29 de xullo ás 20:30 horas. Nun vistoso teatriño a modo de barraca de feira antiga o Mestre “Pedrito Mendrugo” e a súa pulga “Jacinta” actualizarán contos populares integrando a perspectiva de xénero que empodera ás súas protagonistas.

Esta mesma semana, o domingo no esteiro de A Foz (zona Nigranjazz) será a quenda de “Coas mans na masa ”, a cargo de Felipe Díaz Valle (Caxoto contacontos) ás 20:30 horas. Ó gran Chef Caxoto sempre lle dixeron que cociñar era cousa de mulleres e desta volta proporá un menú elaborado con ingredientes de igualdade co que desmontar os estereotipos de xénero e os micromachismos cociñados a lume lento ao longo da historia. Un prato de bo gusto onde entre risas, contos e sorpresas afinaremos o noso padal na igualdade e contra os estereotipos de xénero.

O programa continuará con diferentes espectáculos ata o 5 de setembro.