Nigrán contrata á artista Lula Goce para pintar en Panxón o maior mural da comarca

O Concello de Nigrán vén de contratar á artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, para pintar en Panxón a que será a súa maior obra na comarca. Goce está a traballar xa nun muro de 200 metros cadrados de superficie situado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio) e que estará rematado ao longo do verán. Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez, esta será a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entrará a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…

“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar, polo que será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as orixes de cada un de nos.

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.