Pastorello comeza o seu reinado en Baiona gañando o GP1 do Rallyjet que abre o Nacional de Motos Acuáticas

Coa celebración do Rallyjet arrancou en Baiona o Campionato de España de Motos Acuáticas, un Trofeo Concello de Baiona que reúne na localidade do Val Miñor aos mellores pilotos do panorama nacional.

Coa posta en escena da modalidade do Rallyet, 52 pilotos estiveron na grella de saída, repartidos nas seis categorías oficiais que conforman o itinerario deportivo da Real Federación Española de Motonáutica, tomando a saída compartida entre GP1 e GP2 Promoción, os primeiros, GP2 e GP1 Atmosférico, os segundos, e Sport GP1 e GP4, pechando a xornada.

Expectación nos areais das praias de Santa Marta e A Ladeira, cos diques repletos de afeccionados, iso si, con máscara e gardando a distancia de seguridade, que gozaron do espectáculo en primeiro plano, cos pilotos entregados en todo momento.

Disputáronse en total seis mangas, tres na mañá e outras tres na vespertina que, aínda que con trazados compartidos os resultados foron individuais en cada unha das seis categorías.

Na División Raíña, o GP1, o francés Jean Pastorello comezou o seu mandato, facéndose co podio de Baiona. Seguíronlle os murcianos Samuel Pujante e Andoni Gutiérrez, na segunda e terceira praza, respectivamente.

En GP1 Atmosférico a primeira praza adxudicoulla Pastorello Jr, que lle segue a zaga paterna. Segundo foi o murciano Enrique García e terceiro o representante da Federación Andaluza, Antonio Cabrera.

En GP2 Murcia segue comandando os podios. Rubén Jiménez e Juan José Romero, coparon as dúas primeiras prazas, mentres que a terceira íase para Valencia a cargo de Julio López.

En GP2 Promoción o liderado da clasificación é para outros dous murcianos, Antonio Gonzalvez e Joaquín Hernández, sendo terceiro o asturiano Adrián Hernias.

Os Sport GP1 están a cargo do madrileño Carlos Vela, seguido do representante da Real Federación Española de Motonáutica, Antón Rico, pechando o caixón o andaluz Francisco Javier Prieto.

Por último, os GP4 están liderados por Alejandro Artiñano, da Federación Madrileña, seguido por Alejandro Prats, da RFE de Motonáutica, sendo terceiro Nicolás Lanfranco, tamén de Madrid.

Tras este primeiro día técnico, cun trazado entre boias que ofrecía unha gran dificultade no tramo da ximkana, mañá domingo celebraranse os numerais Offshore, con preto de 100 millas náuticas para os GP1 e algo menos para o resto de categorías, trazando rumbos entre Baiona, Sanxenxo e San Simón, entre as rías de Vigo e Pontevedra.

O Campionato de España de Motos Acuáticas ten por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia e Efectos Navales Jesús Betanzos, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, os Liceos Marítimo de Bouzas e de Canido, e a colaboración do Consello Superior de Deportes, Deputación de Pontevedra, LaLiga Sports, Murimar Seguros, TacTic Audiovisual, Protección Civil e Policía Local de Baiona, así como a Garda Civil.