Noel Martín suma outro posto de honra para o Vigo-Rías Baixas en Zamora

Tal e como estaba previsto o Trofeo Concello de Zamora resolveuse este sábado ao sprint. Nesta chegada masiva Noel Martín foi a baza do Vigo-Rías Baixas e o ciclista abulense obtivo a oitava praza. A entidade que preside José Luis Chamorro buscará poñerlle a guinda á primeira semana de competición post confinamento este domingo no Trofeo San José.

A mala noticia para o conxunto flúor nos 81 quilómetros con inicio e final na capital zamorana protagonizouna José Carlos Amil. O corredor de Ponteareas sufriu unha caída que lle provocou un importante corte nas costas e tivo que ser trasladado en ambulancia.

O Trofeo Concello de Zamora respondeu ao guión esperado, o dunha carreira moi nerviosa e rápida, completándose a unha media próxima ao 45 km/h. O Vigo-Rías Baixas non se limitou a esperar a “volata” final e moveuse a metade de percorrido por medio de Iñigo González. O corredor vasco participou nunha fuga que durou unha decena de km.

O pelotón neutralizou todos os intentos de escapada nun trazado que presentaba como principais dificultades tres portos de 3ª categoría e na recta final Alejandro Gómiz (Caja Rural) impuxo a súa punta de velocidade. Martín meteuse no Top-10 e co mesmo tempo do gañador tamén terminou Iñigo González (30º), mentres que Guillermo Mallo (45º) e Víctor Etxeberria (70º) deixáronse ir nos últimos metros tras traballar en favor dos seus compañeiros.

Trofeo San José

A semana zamorana de ciclismo Elite-Sub23 conclúe este domingo co Trofeo San José, coñecido anteriormente como o Trofeo Iberdrola. Nesta histórica proba, que celebra a súa 73ª edición, a formación olívica aliñará un sexteto composto por Pelayo Monasterio, Iñigo Rodríguez, Noel Martín, Víctor Etxeberria, Guillermo Mallo e Iñigo González.

A saída darase ás 10:30 horas en Muelas de Pan, a mesma localidade onde se decidirá esta clásica de 156 km con seis portos de montaña puntuables de 3ª categoría. Na última destas ascensións estará situada a liña de meta.