Moreira chega á etapa raíña mantendo intactas as súas opcións na xeral da Volta a Zamora

O Vigo-Rías Baixas controlou o pelotón na segunda xornada da Volta a Zamora e o seu xefe de filas Mauricio Moreira, gañador do prólogo o día anterior, mantén intactas as súas opcións de pelexar pola xeral. A pesar de ceder a camisola amarela, o corredor uruguaio da estrutura presidida por José Luis Chamorro afronta a etapa raíña deste xoves como segundo clasificado e a tan só un segundo do novo líder.

Tal e como estaba previsto apareceu o vento nos 141 quilómetros entre Villaralbo e Roales del Pan, pero os abanicos non resultaron decisivos. Desde o bandeirazo inicial o conxunto flúor situouse á fronte do pelotón e mesmo filtrou a Asier González nunha escapada de catro corredores.

Esa fuga non callou e foi anulada polo grupo principal antes da primeira das tres dificultades montañosas de 3ª categoría que presentaba o percorrido, o Alto de Toro (km 53), onde Edwin Torres puntuou en terceira posición.

O vento irrompeu superado o ecuador da etapa e o pelotón fraccionouse. Moreira rodou sempre no grupo de cabeza que chegou a acumular unha vantaxe de 50 segundos sobre os seus perseguidores. A batalla durou 20 km antes de que se producise a reunificación.

No tramo final da xornada dábanse catro voltas a un circuíto en Roales del Pan e a organización decidiu que os tempos para a xeral tomábanse no primeiro paso pola meta. Dese modo, Víctor Romero (Froiz) logrou situarse como novo líder da xeral ao pasar escapado con 19 segundos de vantaxe sobre o pelotón baixo a pancarta que 8 km despois exercería de punto final da etapa. Unha vez neutralizado o ciclista fuxido, o triunfo parcial decidiuse ao sprint con vitoria de Alex Ruiz (Valverde).

Na xeral, Moreira queda a un segundo de Romero, mentres que Noel Martín ocupa a sétima posición, a 11” do primeiro clasificado. Os escaladores Torres e Víctor Etxberria son os outros representantes do Vigo-Rías Baixas que continúan metidos de cheo na pugna pola camisola amarela.

A terceira e penúltima xornada será a máis esixente da rolda zamorana. Os corredores terán que superar seis portos de montaña nun percorrido de 139 km pola comarca de Sanabria. Sobresae pola súa dureza a dobre ascensión ao Alto de Marabón, de 1ª categoría, e a etapa concluirá na subida de 3ª a Aciberos. A etapa poñerase en marcha ás 10:30 en Mombuey.