
Terceira semana de Baiverán en Baiona. Continúan as actividades culturais programadas polo Concello e o seu departamento de Cultura para animar o verán do municipio a veciños e visitantes.
O cine abrirá esta semana mañá martes, no Parque da Palma, ás 23:00 horas, coa proxección en pantalla xigante da comedia “Infiltrado en Miami”.
O mércores día 15, tamén no Parque da Palma ás 23:00 horas da noite, terá lugar o primeiro concerto da semana. Trátase do compositor David Prado, que chega a Baiona para presentar o seu último traballo “El viaje perfecto”. Prado, que ten compartido escenario con artistas e grupos da talla de Vetusta Morla, Andrés Suárez, Depedro ou Iván Ferreiro, sorprende nos seus concertos cun pop fresco e experimental.
O xoves será o momento dunhas artistas galegas máis aplaudidas nos últimos anos: Zeltia, que se subirá ao escenario con Thomas Dylan and Balea, ofrecendo un espectáculo único.
Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.