O Vigo-Rías Baixas defende o seu dobre liderado estatal na Volta a Zamora

Este martes pola tarde renóvase na localidade zamorana de Villardeciervos o calendario Elite-Sub23 estatal tras catro meses de parón e o Vigo-Rías Baixas aspira a retomar a sensacional serie de resultados asinada antes da crise sanitaria do COVID-19. A estrutura que preside José Luis Chamorro preséntase na liña de saída da Volta a Zamora ocupando a primeira posición nas clasificacións Elite individual e por equipos da Real Federación Española de Ciclismo.

Mauricio Moreira, o corredor que máis puntos suma no que vai de tempada, estará á fronte do conxunto flúor na XXXVII edición dunha rolda de gran esixencia polo percorrido e polas altas temperaturas previstas. Gañador da xeral desta volta fai tres anos, o uruguaio non será a única baza da formación olívica para incrementar a conta de vitorias neste curso.

Os escaladores Víctor Etxeberría e Edwin Torres, e o todoterreo Noel Martín comparten co charrúa a condición de ex profesionais. Xunto a este póker de ciclistas Elite con experiencia ao máximo nivel estarán os sub23 Joan Nicolau e Asier González.

Neste arranque da “nova normalidade” do ciclismo, os organizadores da proba zamorana limitaron a seis o número de compoñentes por equipo. Marcos Serrano, director deportivo do Vigo-Rías Baixas, advirte que o sexteto que confeccionou “irá a por todas. Levamos bo equipo, con Moreira para que entre en vereda. Podemos aspirar á vitoria, pero é unha gran incerteza como imos saír todos”.

A primeira das catro xornadas será un prólogo de 3,4 quilómetros, aperitivo do 142 km do día seguinte entre Villaralbo e Roales do Pan, unha etapa para rodadores e con previsible presenza do vento, e dos finais no alto do mércores (Aciberos) e do xoves (Viñas).