Sin categoría

O Trofeo Comunica pon o punto e final á Liga de J80 do Monte Real

O Trofeo Comunica decidirá mañá sábado en Baiona aos gañadores da Liga de J80 do Monte Real Club de Yates, a competición de monotipos do club baionés que fora suspendida o pasado mes de marzo por mor da situación sanitaria derivada do COVID-19.

A partir das tres da tarde, as augas da baía serán escenario das últimas catro probas da competición, das que sairá o deseño da clasificación final e o podio de gañadores. Os J80 deberán completar catro percorridos dobres do tipo barlovento sotavento, entre 2 e 3 millas de percorrido con cinguidas, dúas popas e varias manobras en boias.

A previsión meteorolóxica anuncia un día tipicamente estival, cunhas temperaturas aproximándose aos 30 graos e un vento que soprará do norte cuns 5 ou 6 nós de media e refachos de ata 10 nós por momentos.

A competición será en tempo real e con xuízo directo na auga, grazas á presenza dun xuíz que ditaminará in situ sobre as protestas que poidan xurdir durante a celebración das probas. Axilizarase así a solución dos posibles conflitos entre veleiros sen ter que esperar a que acaben as regatas para a súa resolución en terra, evitando así que se atrase a publicación das clasificacións.

O Okofen patroneado por Javier de la Gándara, que hai apenas uns días alzábase co Campionato Galego de A Dous, preséntase líder na clasificación e aspira a revalidar o título que logrou na anterior edición da Liga de Inverno de J80.

Con 11 puntos, vai seis por encima do seu rival máis directo, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que é, con 17 puntos, o outro veleiro con máis posibilidades de facerse co triunfo final.

Por detrás de Okofen e Alboroto, aínda que separados xa por bastantes puntos máis, sitúanse o Cansino de Fernando Yáñez, que ocupa o terceiro posto da clasificación provisional con 32 puntos, e o Maija de José Luis Pérez e o Namasté de Luis de Mira, que van cuarto e quinto con 35 e 40 puntos respectivamente.

Unha vez finalizadas as probas na auga, o Monte Real Club de Yates acollerá a entrega de premios aos gañadores, que se celebrará ao redor das oito da tarde nas instalacións do club. A ela asistirán, entre outros, varios membros da xunta directiva do Monte Real como club organizador, o concello de Baiona e Comunica, a empresa patrocinadora do evento, unha firma de comunicación visual que ofrece os seus servizos a toda Galicia desde o municipio da Guarda, onde se sitúa a súa sede principal. A firma estará representada polo seu director executivo, Roberto Lira.