“O Alcalde prefire o caos nas praias de Nigrán”

O alcalde socialista de Nigrán, Juan González, descartou a proposta do Partido Popular respecto ao aparcadoiro de autocaravanas para situalo, polo menos provisionalmente, na zona de aparcamento que hai detrás da estación de servizo de Porto do Molle. “O ano pasado, anunciou que dispoñería dun aparcadoiro de autocaravanas de 14 prazas, o problema é que o fixo onde legalmente non se podía facer, á parte de carecer de expediente de ningún tipo, e tras a denuncia dun particular o tivo que deixar no esquecemento, pois iso custounos a todos os veciños aproximadamente 24.000€, diñeiro totalmente tirado”.

Un emprazamento, que como apuntou a concelleira popular María José Pino, foi unha “idea de bombeiro”, xa que unha boa parte dos vehículos dese tipo terían serias dificultades para realizar as manobras, no medio da Urbanización SAU-3 e nunha zona de equipamento deportivo. “A importancia de habilitar en cuestión de días unha zona de aparcadoiro con servizos que permita a pernoita destes vehículos está xustificada polo abuso dalgúns autocaravanistas, que permanecen semanas na zona, cando a lei de turismo de Galicia determina que as estancias máis longas de 1 día deben de realizarse en cámpings ou campamentos de turismo”, lembran desde o PP.

Aseveran que a súa proposta permitiría dispoñer en cuestión de días dunha zona de aparcadoiro e pernoita para máis de 40 autocaravanas, con servizos e próxima ás praias, que desconxestionaría o aparcamento, permitindo o seu uso a todos os veciños e visitantes de Nigrán. “Algunhas asociacións de caravanistas indicáronnos que a solución é adecuada e que cumpre cos requisitos necesarios para este tipo de turismo”. Con todo, para o PP o Alcalde opta polo caos, “antes que propoñer unha solución e levamos con solucións de bombeiro 5 anos, agora, ademais púxolles contedores, cando o que demanda este tipo de turismo, que sempre é benvido, é unha área cos servizos correspondentes e non simplemente uns contedores”.