Baiona, sede da primeira proba do Campionato de España de Motos Acuáticas

O Campionato de España de Motos Acuáticas celebrarase os días 17, 18 e 19 de xullo na Vila de Baiona, sendo a primeira proba do calendario de competición en 2020 por concesión da Real Federación Española de Motonáutica á Federación Galega de Motonáutica, tendo por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia e Efectos Navales Jesús Betanzos, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, os Liceos Marítimo de Bouzas e de Canido e a colaboración do Consello Superior de Deportes, Deputación de Pontevedra, LaLiga Sports, Murimar Seguros e TacTic Audiovisual.

A presentación levouse a cabo no Salón de Plenos do Concello de Baiona, un acto conducido polo seu Alcalde, Carlos Gómez, e ao que asistiron o presidente da Federación Galega de Motonáutica, José Fernández; o Deputado Provincial de Deportes, Gorka Gómez, o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; a Concelleira de Deportes de Baiona, Miriam Costas; o Xefe de Seguridade da proba, Francisco Pereira; e os representantes dos Marítimos de Bouzas e Canido, Manuel Veiga e Emilio Méndez, respectivamente.

“É moi importante resaltar unha proba como esta. Baiona vai estar á altura para garantir unha fin de semana inesquecible. É un orgullo como Alcalde recibir unha competición como a que se vai a celebrar. Gocémolo e fagámolo dunha maneira responsable”, comentaba o máximo rexedor de Baiona, Carlos Gómez.

“Este logro debémosllo, en primeiro lugar a Carlos Gómez, Alcalde de Baiona, que nos abriu as portas deste fermoso enclave para a celebración do campionato, facilitando, axudando e sendo un máis do equipo de traballo para que todo chegue a bo porto, de maneira conxunta coa concelleira de deportes, Miriam Costas, o técnico municipal Javier López e todos os traballadores e traballadoras que o farán efectivo. E en segundo lugar, ás institucións, empresas e entidades deportivas que, como patrocinadores e colaboradores convertéronse nos elos esenciais que fortalecen esta gran cadea humana”, dicía José Fernández, presidente da Federación Galega de Motonáutica.

“Ultimamente veño moito por Baiona e iso quere dicir que Baiona móvese e está a organizar moitas actividades, de aí a miña felicitación ao seu Alcalde e á súa Concelleira de Deportes. Pero tamén felicitar a todos os organizadores e entidades que farán posible este campionato, sobre todo pola súa capacidade de reorganizarse nos tempos que estamos a vivir”, dicía o Deputado de Deportes, Gorka Gómez.

“Resaltar o esforzo de todas as Federacións Deportivas coas que estivemos a traballar durante dous meses para poder organizar un sistema de competición sostida para desenvolvelas con total seguridade, e unha das primeiras en aprobar os seus protocolos foi a Federación Galega de Motonáutica, agradecendo á Real Federación Española de Motonáutica a súa adaptación a este sistema e aos cambios de datas que lles solicitamos”, argumentaba o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

“Baiona é un referente en actividades deportivas desde sempre. Vivimos un ano atípico e vímonos na obrigación de ter que cancelar moitas delas, porque desde o Concello de Baiona priorizamos a saúde e a seguridade dos nosos veciños e veciñas e de todos os que nos visitan. Consideramos que este campionato pódese realizar con total seguridade e estamos encantados de acollelo”, manifestaba a Concelleira de Deportes, Miriam Costas.

Pola súa banda, o Xefe de Seguridade do Campionato de España de Motos Acuáticas, Francisco Pereira, explicou a complexidade dos tramos e circuítos onde dicía que “aquí os pilotos veñen sufrir e dalo todo de se mesmos, xa que é unha proba de alto nivel onde estarán os mellores”.

As dúas modalidades de competición que se poñerán en escena son o Rallyjet e o Offshore, destinadas ás categorías GP1, GP2 e GP4, as dúas primeiras cun maior percorrido en distancia, sendo a terceira algo menor debido ás súas condicións técnicas e que só disputará o Rallyjet.

RALLYJET

O Rallyjet é unha modalidade que se desenvolve baixo un deseño técnico entre boias, cunha distancia por volta en torno ás 3,4 millas (algo máis de 6 km.) e sobre o que terán que trazar varias voltas ata completar 25 minutos de tempo establecido, engadindo unha máis.

A lámina de auga sobre a que se instalará esta proba será as inmediacións das praias de Santa Marta, A Ladeira e Praia América, estendéndose o circuíto polo interior da Enseada de Baiona sen interferir en ningún momento o tráfico marítimo, tanto do transporte de ría, porto pesqueiro e usuarios das mariñas contiguas.

OFFSHORE

A proba Offshore é un conxunto de percorridos longos ata completar preto de 100 millas náuticas (uns 185 km.), onde a resistencia é o hándicap tanto para pilotos como para máquinas.

Tanto a preparación física como unha excelente posta a punto das motos de auga son esenciais para poder completar todos os trazados, que nesta xornada dominical levará aos participantes desde Baiona ata a Ría de Pontevedra, Ría de Vigo e Enseada de San Simón, realizando as categorías GP1 e GP2 o trazado completo de ida e volta pola Costa da Vela, e dúas voltas á de Baiona e San Simón para os primeiros e tan só unha para os segundos.

COVID-19

Aínda cando durante as datas programadas para a celebración do Campionato de España de Motos Acuáticas o noso país non se atope baixo as medidas restritivas dos diferentes estados da desescalada do confinamento vivido nos últimos meses, serán de aplicación, tanto na parte deportiva como na asistencia de público, os mandatos que establezan tanto o Estado, como as autonomías e os concellos, neste caso, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte e o propio Concello de Baiona, priorizando a seguridade sanitaria para evitar posibles contaxios de coronavirus.

A organización tamén contará coa presenza de unidades da Policía Local, Garda Civil do Mar, Protección Civil e servizo de ambulancias.

Durante a xornada previa ao Campionato de España de Motos Acuáticas, o venres 17 de xullo, os Xuíces das Federacións Real Española e Galega de Motonáutica tamén estarán ao dispor dos pilotos e mecánicos de 14.00 a 20.00 horas, horario no que supervisarán as motos para a súa inspección e verificación técnica, imprescindible e obrigatoria para poder participar.

2020-07-10 - Cartel Trofeo Concello de Baiona de Motonáutica