O PP de Baiona aconsella ao alcalde que salga do seu despacho “antes de lanzar críticas falsas”

A área de descanso de Baredo está cortada e limpa. Así de contundente móstrase o PP de Baiona tras as acusacións do alcalde, Carlos Gómez, esixindo á Xunta o seu acondicionamento urxente. Para iso mostran imaxes realizadas esta mesma mañá onde se demostra que o rexedor “mente sen nin sequera saír do seu despacho para comprobalo”.

Desde o Grupo Municipal Popular animan ao rexedor “a levantarse da cadeira de brazos e pasear por Baiona” antes de quedar en “evidencia” con reclamacións “facilmente demostrables” como esta que “só buscan unha manipulación política para enganar aos veciños en campaña electoral”. Indican que o que debe de facer o rexedor é preocuparse polos seus veciños e o seu municipio porque “basta con dar un paseo polo centro urbano e polas parroquias para comprobar o seu estado de abandono”, acusan.