María Alonso gaña con “O Consello da Sabenza” o certame de relato curto “O Enxeño Engaiolado”

María Alonso Velasco co seu relato “O Consello da Sabenza” recibiu hoxe o premio que a acredita como gañadora do certame de relato curto “O Enxeño Engaiolado” que organizaba a Biblioteca Municipal de Baiona. Pola súa banda os relatos “Chocolate para la esperanza” de Julio E. Villarino e “Pili e Manoliño” de Brais Costas, completaban o cadro de gañadores e gañadoras deste certame.

O alcalde de Baiona Carlos Gómez e a concelleira de Cultura, Miriam Costas, presidiron na mañá de hoxe o acto de entrega de premios que tivo lugar o Patio de Peregrinos da Biblioteca Pública Municipal, onde se deron cita a galardoada e galardoados e membros do xurado do certame.

A concelleira de Cultura, Miriam Costas, nas súas palabras, logo de felicitar á e aos gañadores, expresou a súa satisfacción “pola calidade dos traballos” e, sobre todo, por tratar “tres temáticas totalmente distintas e que, ao mesmo tempo, encadrábanse á perfección nas bases do propio certame”.

Na mesma liña expresábase o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que expresou o seu agradecemento “a todos e todas os que participaron neste certame “O Enxeño Engaiolado” demostrando que a imaxinación, a creatividade e a cultura, son capaces de impoñerse incluso en circunstancias tan adversas e estrañas como o confinamento provocado por unha pandemia global”.

O xurado estaba composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario como Claudio Vasconcellos (Caiono), pintor, debuxante e escritor; Fernando Bartolomé Benito, profesor de literatura e lingua e escritor; Antonio Rey Somoza, profesor de literatura e lingua e escritor; Iria Misa Peralba, profesora de literatura e lingua e escritora e María Cristina Vilar Misa, directora do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona, en calidade de Secretaria.

As autoras e autores dos tres relatos premiados recibirán senllos cheques-libraría canxeables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2020. O primeiro premio consistía nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €.

Amosar a creatividade en tempos de confinamento

“O Enxeño Engaiolado”, naceu como unha iniciativa para incentivar, dende o confinamento, a creatividade literaria e celebrar o Día do Libro 2020 que, por mor da crise sanitaria da COVID-19, tivo que suspender todas as actividades habituais previstas.

Tratábase de artellar unha iniciativa na que, todas as persoas maiores de 16 anos, puideran amosar a súa capacidade creativa a través de relatos curtos –entre 1.500 e 4.000 palabras– con escritos orixinais que podían estar escritos en galego ou castelán e nos que a biblioteca, o libro ou a lectura, tiñan que ser o tema central ou colateral do escrito.